23 may 2022

letras galegas 2022

 

En clave inclusiva, derrubando barreiras, sen fronteiras, desde a tradición e a literatura desenvolvéronse os actos de celebración das Letras Galegas 2022 no colexio.

Cantigas como "Pan de millo" de Migallas, "Este olliño pimpilín" nas voces do alumnado de 3 anos e 4 anos A, outra dos Maios con percusión de paus interpretada polos nenos e nenas de 4 anos B. "O cuco", poesía musicada de Manuel María, cantárona as nenas e nenos de 5 anos.

Recitados individuais, en pequeno e gran grupo desde 1º ata 5º de Primaria da obra de Rosalía de Castro, de Manuel María e, por suposto, do autor homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán foron todo un pracer para os nosos sentidos.

En homenaxe ás tres pandeireteiras que demostraron que non hai fronteiras para a lingua galega todo o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria interpretou Terra de Tanxugueiras con pictogramas e cunha coreografía baseada no baile tradicional. 4º, 5º e 6º de Primaria fíxoa con lingua de signos e baile

O alumnado de 6º preparou para a ocasión unha emotiva presentación. Lúa e Iván de 6ºA e Iria e Brais de 6ºB conduciron a celebración maxistralmente. Nela mostráronnos un percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado, rememoraron as súas propias vivencias no cole, faláronnos de palabras do ano, de inclusión...de morriña, de ilusión, de pasado e de futuro.

Todo acompañado de música tradicional, rematando os actos co noso himno.

O entusiasmo, interese e entrega foi xeneralizado. Unha celebración cargada de emotividade e de galego!

 


 

 



2 may 2022

Día do libro: O camiño dos libros

O Camiño dos Libros lévanos desde a biblioteca do centro cara aos corredores e por cada chanzo das escaleiras. Neste camiño atopamos os libros que cada nena e cada neno soña, le, goza, adora...